Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Internacional
Xustificación
 Xustificación 
    Dende comezos deste século a Unión Europea definiu un modelo de crecemento económico asentado en dous documentos clave: as axendas de Lisboa (2000, renovada en 2005) e Gotemborg (2001). Trátase de apostar por un crecemento baseado na formación, na investigación, na innovación, na sociedade do coñecemento, nos parceirados público-privados, no emprego, no emprendedorismo. Trátase de apostar por un crecemento sostible en harmonía co ambiente e cos equilibrios territoriais, aproveitando os recursos endóxenos como mellor fórmula para gañar o reto da globalización. A cooperación territorial (nas súas tres vertentes xa clásicas: transfronteiriza, interrexional e transnacional) converteuse nun dos tres únicos obxectivos, xunto coa converxencia e a competitividade rexional e o emprego, do novo marco de programación da UE para o período 2007-2013.

    O lanzamento da nova programación comunitaria obrigou a todos os niveis administrativos: comunitario, estatal, rexional e mesmo local a un importante esforzo de planeamento estratéxico, traducido en Directrices, Marcos Estratéxicos Nacionais de Referencia, Programas Operativos Rexionais, Axendas Estratéxicas Locais...que constitúen un valiosísimo instrumento de reflexión colectiva que cómpre por en valor dende o sistema universitario ao servizo do país. Neste contexto,  a formación de xestores que sexan capaces de aprehender correctamente as novas coordenadas da programación comunitaria 2007-2013 para poder actuar con vantaxes competitivas no escenario dos próximos anos, decisivos para o desenvolvemento dos territorios que conforman a nosa Eurorrexión, resulta de todo punto prioritaria.

    A existencia de cátedras Jean Monnet de integración europea nas universidades de Vigo e Minho, a concesión dun Centro de Excelencia Jean Monnet á Universidade de Vigo e a existencia dun Centro de Documentación Europea na Universidade de Minho, avalan a calidade da docencia a impartir dentro dos estudos deste Máster dende unha perspectiva decididamente interdisciplinar: economía, ciencia política e da administración, dereito, socioloxía, demografía, ciencias ambientais e historia.
Universidade de MinhoUniversidade de Vigo
Aaccentia Multimedia SL